luns

LECTURAS de CORES

Hai xa sete anos que tiven unha idea. Tratábase de xuntar material escolar para levalo a seis orfanatos de Ucraína. Coa axuda de moitas das persoas que estades a ler isto, puxemos en marcha o Proxecto Solidario MOCHILINHAS DE CORES e, no verán de 2012, repartimos 131 kg. de material escolar en Ucraína. GRAZAS de novo!

Neste enlace podedes informarvos, ou lembrar, aquela iniciativa:

Premendo na imaxe accededes ao blog


Un tempo despois, unha nova idea comezou a bulirme na cabeza e no corazón. Coa axuda de moitas das persoas que estades a ler isto, puxemos en marcha o Proxecto Solidario CESTINHA DE CORES, enchemos de artesanía unha cesta que nos proporcionou 1040€ para mercar alimentos, deterxente, pañais e acometer parte da instalación de radiadores no orfanato de Vorzel´ (Ucraína). Foi durante a primavera de 2013. GRAZAS unha vez máis!

Neste enlace podedes informarvos, ou lembrar, aquela iniciativa:

Premendo na imaxe accededes ao blog


No ano 2014 viaxei aos campamentos de refuxiados saharauís en Tindouf (Alxer). Uns meses despois, chuvias torrenciais causaron importantes destrozos nos catro campamentos e a cabeza comezou a discurrir de novo. Coa axuda de moitas das persoas que estades a ler isto, puxemos en marcha un novo Proxecto Solidario, CARPÍNS DE CORES, xuntamos 800€ tecendo e vendendo cincuenta pares de zapatillas de la que, ao tempo que nos quentaron os pés, axudaron a paliar as devastadoras consecuencias do temporal. Colaboramos daquela con Sogaps (ONG de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui). GRAZAS!

Neste enlace podedes informarvos, ou lembrar aquela iniciativa:

Premendo na imaxe accededes ao blog



E agora que? Pois por aquí ando buscando de novo a vosa axuda, a vosa colaboración solidaria e desinteresada para participar nun novo Proxecto de axuda mutua.

Desta volta poñemos outra vez a vista e o corazón nos Campamentos Saharauís, concretamente nas nenas e nenos que alí viven.

Descubrín hai un par de anos o Bubisher, unha rede de bibliobuses e bibliotecas que levan lecturas aos nenos e nenas saharauís. Comezaron facéndoo con autobuses adaptados como espazos de animación á lectura e, a día de hoxe, contan con bibliotecas nos catro Campamentos do Sahara.

A última rematou de construirse a finais deste verán e foi inaugurada a semana pasada.


Premendo na imaxe accededes á súa páxina web


Visualizando este vídeo coñeceredes máis sobre o Proxecto Bubisher.



Pois ben, tras contactar con esta xente tan interesante, fíxenme cunha relación de títulos de libros infantís que lles gustaría ter nos estantes da nova Biblioteca do Campamento de Dajla e ilusioneime con conseguir os que poidamos para facérllelos chegar. Que vos parece?

Desta vez non tecín con fíos de cores senón que debullei historias, pequenos relatos que non son grandes obras de literatura pero que escribín cunha gran ilusión: a de destinar o 100% dos beneficios que obteña a mercar libros de lecturas infantís para enviar á nova Biblioteca de Dajla.

Se queredes colaborar, podedes mercar "Relatos en potencia" enviándome un correo electrónico a lecturasdecores@gmail.com ou ben a través da Editorial UNO premendo na seguinte imaxe:


O libriño ten un prezo de 9€ aos que hai que sumar outros 3€ de gastos de envío. No correo debedes indicar o voso enderezo e eu envíovolo por correo postal. Cando o recibades e comprobedes que é do voso agrado, poderedes ingresar os 12€ na conta bancaria ES23 2080 0170 1430 4001 3151 a nome de Lecturas de Cores.
E así, pasiño a pasiño e confiando en vós, penso que axiña imos conseguir ese envío de libros de lectura para a infancia saharaui.

Ireivos informando sobre os libros vendidos, ademais dos libros infantís mercados cos cartos que vaia recibindo.


GRAZAS de antemán pola vosa colaboración!!!!


Ningún comentario:

Publicar un comentario