martes

Non remata, iníciase unha nova etapa!!!

Hai xa tres meses menos tres días que se celebrou o Días das Bibliotecas, lembrades? Era o 24 de outubro.
Aquel día, con moita ilusión, botaba a andar "Lecturas de Cores", este proxecto co que me propoñía vender 175 exemplares do meu libriño "Relatos en potencia" e destinar os case 1000€, que esperaba obter de beneficio, a mercar outros libros infantís e xuvenís para contribuír a dotar a Biblioteca do Campamento Saharauí de Dajla.

Como xa me ten ocorrido noutras ocasións grazas á vosa incrible confianza en min, apoio e solidariedade, vendín moito máis do previsto, foron case 350 exemplares que me levaron a conseguir arredor de 2000€. Con todos eses cartos merquei 145 libros ademais dun lote de dicionarios para a citada Biblioteca.

As previsións son de que, dentro dun mes, eses libros estean ocupando parte dos andeis da Biblioteca de Dajla e sendo lidos por centos de rapaces e rapazas saharauís que viven refuxiados nos Campamento de Tindouf (Alxeria).

Agardo que, lendo, consigan ser tan felices como nos fan sentir a nós dándonos esta oportunidade de colaborar con eles. GRAZAS!!!

Déixovos un vídeo no que podedes facervos unha idea do envío que, dentro duns días, sairá de Galicia cara a Madrid para continuar viaxe a Alxeria e instalarse no Campamento de Dajla. 



Que teñades moi boas lecturas!!!

sábado

Unha velada fantástica!

Foi o pasado mércores, día 26, a partir das 20.00h, cando se iniciou a que ía ser unha velada marabillosa. A cita, na Librería Biblos de Lugo. A excusa, a presentación de "Relatos en potencia". A realidade, unha xuntanza de amigas e amigos solidarios que me acompañaron facendo que gozase deste acto tanto como dos mellores momentos da miña vida.


Déixovos unha colección de fotografías do que foi a presentación tanto do Proxecto "Lecturas de Cores" como do libriño en si. Véndoas, seguro que vos facedes unha idea ben axustada do marabillosa que foi a realidade.
















E así se fixo eco a prensa ao día seguinte:


GRAZAS, unha e vinte mil veces máis!!!


xoves

Remata o ano e, con el, este Proxecto ;)

GRAZAS!!!

Cada vez que me refiro a "Lecturas de Cores" preciso comezar agradecendo a vosa colaboración. Sodes moitas as persoas que, nestes case tres meses de Proxecto, colaborastes e seguides a colaborar estreita e desinteresadamente comigo. Moitas grazas pola vosa axuda e confianza.

Asi, xa puxemos en circulación cerca de 275 exemplares de "Relatos en potencia" que nos permitiron mercar, co 100% dos beneficios que aportaron, 120 libros infantís (a maioría álbumes ilustrados) cos que dotar a Biblioteca do Campamento Saharauí de Dajla.



E ando pensando xa no tramo final de Lecturas de Cores, en dalo por rematado a principios do mes que vén para, daquela, facer o envío dos libros á Asociación Bubisher que ten previsto viaxar aos Campamentos no vindeiro mes de febreiro transportando eles mesmos as caixas que lles envíe. Vai ser marabilloso.

Pero non o darei por rematado sen ofrecervos unha PRESENTACIÓN do pequeno e humilde libro "Relatos en potencia"  e mais do proxecto que o acompaña.

Será o vindeiro mércores, día 26 de decembro, na librería Biblos de Lugo a partir das oito da tarde. Poderemos vernos daquela? Ogallá que si!



luns

Re-impresionada!!!

Así é como estou eu, impresionada e reimpresionada!!!

Esta tarde chegaron a casa outro cento de "Relatos en potencia". Estou moi contenta de poder satisfacer así os pedidos da xente que tivestes a paciencia de agardar mentres se cocían... Grazas!
A partir de mañá volverán a viaxar as Lecturas de cores pola xeografía galega para que nós leamos ao tempo que axudamos a que outros nenos e nenas tamén poidan ler.

Aproveito tamén para contarvos que xa teño na casa cincuenta e catro libros infantís que merquei na Librería Amorín de Castro para enviar á nova Biblioteca do Campamento Saharauí de Dajla. Ademais, teño encargados outros cincuenta en Lugo, na Librería Biblos. Alí mesmo andamos a ver se damos artellado unha pequena presentación dos Relatos e mais deste humilde Proxecto.

E así, pasiño a pasiño, a "maleta" vaise baleirando de "Relatos en potencia" ao tempo que se enche con outras lecturas máis axeitadas para as nenas e nenos saharauís.


Moitísimas grazas a todas cantas persoas estades colaborando comigo para facer realidade esta idea.

INCRIBLE!!!

Gustaríame ter actualizado o blog hai xa uns días, desculpade que non dera atopado o momento ata agora mesmo. Teño moito que contar e que agradecer!!!

Non sabedes o orgullosa que me sinto por estar rodeada de todas e todos vós, tanta xente boa e xenerosa!

Soñaba con vender ata un máximo de 175 libros o cal supoñería uns beneficios de arredor de 1000€ para investir na compra de libros infantís e envialos aos Campamentos Saharauís. Pois ben, os 175 libros xa foron distribuídos en tan só tres semanas e acabo de encargar unha nova reimpresión para que ninguén que queira colaborar, quede sen facelo.

E pouco a pouco, pasiño a pasiño, vou mercando libros para a biblioteca de Dajla, para ocupar eses estantes que podedes ver nas fotos e que é como está a día de hoxe tras a súa inauguración.



Os libros son dunha lista que a Asociación Bubisher (www.bubisher.org) me facilitou. A día de hoxe teño cincuenta exemplares encargados e estes xa na casa:



Estou sorprendidísima do sinxelo que é, coa vosa axuda, propoñerse e levar adiante iniciativas coma esta.
GRAZAS, MOITAS GRAZAS!!!

sábado

2^n, n>10 GRAZAS!!

Pois iso, miles de grazas pola boa acollida que lle estades dando a este proxecto de axuda mutua.

Hai tan só dez días que lancei as "Lecturas de Cores" e xa levo distribuídos 75 exemplares...

Non podo estar máis contenta, agradecida e orgullosa da boa xente que teño ao meu arredor :*


Como sabedes, todo o beneficio vai ir para dotar de libros infantís a Biblioteca que vén de inaugurarse no Campamento Saharauí de Dajla. Así que xa teño os primeiros exemplares encargados na librería e agardo podérvolos mostrar dentro duns días. Que ilusión máis grande!!! 

Moitísimas grazas pola vosa confianza e axuda para converter estes pequenos soños en grandes realidades!!!  

luns

LECTURAS de CORES

Hai xa sete anos que tiven unha idea. Tratábase de xuntar material escolar para levalo a seis orfanatos de Ucraína. Coa axuda de moitas das persoas que estades a ler isto, puxemos en marcha o Proxecto Solidario MOCHILINHAS DE CORES e, no verán de 2012, repartimos 131 kg. de material escolar en Ucraína. GRAZAS de novo!

Neste enlace podedes informarvos, ou lembrar, aquela iniciativa:

Premendo na imaxe accededes ao blog


Un tempo despois, unha nova idea comezou a bulirme na cabeza e no corazón. Coa axuda de moitas das persoas que estades a ler isto, puxemos en marcha o Proxecto Solidario CESTINHA DE CORES, enchemos de artesanía unha cesta que nos proporcionou 1040€ para mercar alimentos, deterxente, pañais e acometer parte da instalación de radiadores no orfanato de Vorzel´ (Ucraína). Foi durante a primavera de 2013. GRAZAS unha vez máis!

Neste enlace podedes informarvos, ou lembrar, aquela iniciativa:

Premendo na imaxe accededes ao blog


No ano 2014 viaxei aos campamentos de refuxiados saharauís en Tindouf (Alxer). Uns meses despois, chuvias torrenciais causaron importantes destrozos nos catro campamentos e a cabeza comezou a discurrir de novo. Coa axuda de moitas das persoas que estades a ler isto, puxemos en marcha un novo Proxecto Solidario, CARPÍNS DE CORES, xuntamos 800€ tecendo e vendendo cincuenta pares de zapatillas de la que, ao tempo que nos quentaron os pés, axudaron a paliar as devastadoras consecuencias do temporal. Colaboramos daquela con Sogaps (ONG de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui). GRAZAS!

Neste enlace podedes informarvos, ou lembrar aquela iniciativa:

Premendo na imaxe accededes ao blog



E agora que? Pois por aquí ando buscando de novo a vosa axuda, a vosa colaboración solidaria e desinteresada para participar nun novo Proxecto de axuda mutua.

Desta volta poñemos outra vez a vista e o corazón nos Campamentos Saharauís, concretamente nas nenas e nenos que alí viven.

Descubrín hai un par de anos o Bubisher, unha rede de bibliobuses e bibliotecas que levan lecturas aos nenos e nenas saharauís. Comezaron facéndoo con autobuses adaptados como espazos de animación á lectura e, a día de hoxe, contan con bibliotecas nos catro Campamentos do Sahara.

A última rematou de construirse a finais deste verán e foi inaugurada a semana pasada.


Premendo na imaxe accededes á súa páxina web


Visualizando este vídeo coñeceredes máis sobre o Proxecto Bubisher.



Pois ben, tras contactar con esta xente tan interesante, fíxenme cunha relación de títulos de libros infantís que lles gustaría ter nos estantes da nova Biblioteca do Campamento de Dajla e ilusioneime con conseguir os que poidamos para facérllelos chegar. Que vos parece?

Desta vez non tecín con fíos de cores senón que debullei historias, pequenos relatos que non son grandes obras de literatura pero que escribín cunha gran ilusión: a de destinar o 100% dos beneficios que obteña a mercar libros de lecturas infantís para enviar á nova Biblioteca de Dajla.

Se queredes colaborar, podedes mercar "Relatos en potencia" enviándome un correo electrónico a lecturasdecores@gmail.com ou ben a través da Editorial UNO premendo na seguinte imaxe:


O libriño ten un prezo de 9€ aos que hai que sumar outros 3€ de gastos de envío. No correo debedes indicar o voso enderezo e eu envíovolo por correo postal. Cando o recibades e comprobedes que é do voso agrado, poderedes ingresar os 12€ na conta bancaria ES23 2080 0170 1430 4001 3151 a nome de Lecturas de Cores.
E así, pasiño a pasiño e confiando en vós, penso que axiña imos conseguir ese envío de libros de lectura para a infancia saharaui.

Ireivos informando sobre os libros vendidos, ademais dos libros infantís mercados cos cartos que vaia recibindo.


GRAZAS de antemán pola vosa colaboración!!!!